25 de novembro de 2009

Manifesto da Asemblea

Foi en 1979 cando o galego, por primeira vez, se introduciu no ámbito do Ensino co Decreto de Bilingüismo. A partir de aí, a poboación nacida nos anos setenta comezou a ser alfabetizada en lingua galega. Porén, quedaba unha maioría poboacional, que nacera antes desa década, que seguía a ser analfabeta no noso idioma. A pesar deste dato, non foi até os anos 90 que a Xunta iniciou a oferta de cursos de galego para adultos con dous niveis de ensino: Iniciación e Perfeccionamento. En 2007 a Xunta mudou este sistema de formación en dous niveis xerais para adecualo aos Certificados de lingua galega (Celga), que constan de cinco niveis.

Este tipo de ensino, que se complementa con outros de linguaxe específica (administrativa e xurídica), é esencial para a normalización do galego: se se quere que o galego sexa algo “normal” e que a cidadanía, galega ou non, poida exercer o dereito de escribir e expresarse nel, e que se expresen con el nese idioma cando se dirixa ás institucións públicas, é importante impartir cursos deste tipo para que toda a poboación adulta (a que non recibiu o Ensino en galego e, actualmente, os descendentes de emigrantes que retornan, inmigrantes e xente doutras partes do Estado que se queren estabelecer aquí) sexa o máis competente posíbel en galego.

Ao ser este un labor tan importante, a Xunta debeu formar un corpo de profesorado permanente, un corpo profesional que cumprira competentemente cos seus obxectivos de docencia. A Xunta debeu ampliar a duración inicial dos cursos (75 horas) para que o ensino se dera de forma eficiente. A Xunta debeu ampliar o abano de cursos para que atinxiran a máis eidos profesionais, non só para adultos, a administración e o ámbito xudicial: corpo de profesores, xornalistas, restauradores, empresariado privado, alfabetización etcétera.

No entanto, a Xunta, desde que iniciou o modelo de cursos para adultos, non soubo ou non quixo facer nada do dito anteriormente. O que si fixo foi crear un modelo de traballo precario, baseado na figura do “colaborador” –alleo á propia Xunta-, que se aproveita da propia precariedade dos que se prestan a traballar para ela. Así, os que traballamos nestas “colaboracións” facémolo nas seguintes condicións:

- non temos un contrato de traballo nin cotizamos á Seguridade Social, apenas temos cobertura laboral, no entanto, fannos a retención do IRPF,
- non temos claro cal é o criterio que se segue para nomear a xente á hora de impartir os cursos ante a ausencia dunha listaxe que poidamos consultar,
- deixamos de ter recentemente un orzamento para poder adquirir material extra (fotocopias, basicamente) para dar as clases,
- moitas veces damos os cursos en locais pouco axeitados para a tarefa docente, tanto para o alumnado coma para o profesorado, habendo ausencia total das TIC,
- no caso de ter que nos desprazar para impartir os cursos, non temos ningún tipo de remuneracións para pagar a quilometraxe,
- noméanse funcionarios para impartir os cursos cando un dos requisitos para impartir estes é o de estar en situación de “mellora de emprego”,
- mestúranse diferentes niveis nun mesmo grupo,
- en ocasións dámos clase en grupos de máis de 30 alumnos,
- báixasenos o soldo aos avaliadores sen contar con nós para nada e, finalmente,
- exíxennos profesionalidade cando as condicións laborais non se axustan á devandita profesionalidade exixida.

Por este motivo, un colectivo dentro do corpo de profesorado e de avaliación dos Celga, decidimos xuntarnos para tentar introducir a dignidade no noso traballo. Queremos parar a chantaxe que a Xunta desenvolve para que aceptemos as súas condicións aproveitándose de que a maior parte do corpo se acha en situación precaria.

Para iso difundimos publicamente este manifesto, para dar a coñecer a situación e exixirlle á Xunta melloras no sistema de formación en lingua galega de persoas adultas, moitas das que inevitabelmente pasan pola profesionalización e pola mellora das condicións laborais do persoal docente. A listaxe que a continuación se desenvolve é, na realidade, unha “folla de rota” que marca o que, a longo prazo e ao noso entender, deberían ser os cursos para adultos que promove a Xunta. Somos realistas e, dada a política de recortes que está a desenvolver a Administración autonómica escudándose na crise, a maior parte delas son, hoxe por hoxe, moi difíciles de alcanzar; porén, son estas, e non outras, as conquistas que esta Asemblea aspira a conseguir, totalmente, algún día, o que significaría a dignificación completa do noso traballo:

> Reivindicación primeira e principal:
- Creación dun corpo de docentes estábel e profesionalizado de acordo cos criterios de igualdade, mérito e capacidade.

> Reivindicacións laborais:
- Contrato laboral (con todo o que iso implica: cotización, seguro…) tanto para o profesorado como para o corpo de avaliadores.
- Exixencia dunha formación profesional acorde co traballo que se desenvolve (Filoloxía Hispánica –subsección de galego ou galego-portugués-, Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, Grao de Lingua e Literatura Galega, Filoloxía Portuguesa e Filoloxía Hispánica –con Nivel Avanzado da Escola Oficial de Idiomas) control da calidade e do rigor profesional e unificación de criterios para alcanzar os obxectivos e contidos programados para cada curso.
- Remuneracións e orzamento para o pagamento de posíbeis desprazamentos e do material extra necesario usado ao impartir aulas.
- Listaxes separadas para o profesorado de Celga, linguaxe xurídica e administrativa e avaliación. Esta listaxes deben ser claras, ao modo das que hai para o corpo de Ensino público da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
- Pagamento do traballo de avaliación de Celga como o que é: horas extras para unha persoa que non traballa para a empresa (neste caso, a Xunta) que a contrata.
- Contratación das persoas ás que realmente lles supoña unha “mellora de emprego” este tipo de traballo.
- Posibilidade de que o corpo de profesores de Celga poida inscribirse nos cursos de linguaxe administrativa e xurídica para poder completar a súa propia formación.
- Uso de aulas dotadas de recursos tecnolóxicos para conseguir un ensino-aprendizaxe de calidade.


> Reivindicacións para a mellora do sistema de cursos:
- Creación de máis cursos, dedicados á formación dos diferentes corpos profesionais existentes (xornalístico, profesorado, científico…) e para a sociedade en xeral (alfabetización).
- Ampliación da duración dos cursos adecuándose a un tempo real que un adulto precisa para aprender ben unha lingua.
- Probas de nivelación para que nos niveis se impartan aulas a un alumnado que se corresponda co devandito nivel.
- Máximo de 20 alumnos por grupo.
- Probas de diagnóstico que reconduzan ao alumno ao nivel que lle corresponde.
- Cesamento de mestura de alumnado de diferentes niveis.

Sabemos que contamos, inicialmente, co rexeitamento total por parte da Xunta das nosas reivindicacións, mais iso non suporá que deixemos de exixilas.

Temos a intención de non parar e de ir conseguindo o status que merecemos, ao considerármonos uns profesionais no traballo que desenvolvemos.


Pola dignificación do noso traballo!